
Vilagarcía, cos seus case 35.000 habitantes e na súa
calidade de núcleo máis importante da comarca, presenta
unha gran oferta comercial, a terceira da provincia tras Vigo
e Pontevedra. Comeza-la xornada comprando productos frescos na
praza, dar unha volta buscando “gangas” no mercadiño,
visitar comercios tradicionais ou tendas de grandes cadeas internacionais
e termina-la xornada paseando por un centro comercial son algunhas
das opcións que se presentan ó viaxeiro para comprar
en Vilagarcía.
O mercadiño da localidade celébrase os martes e
os sábados, salvo que sexan festivos, pasando neste caso
ó día anterior. Os postos instálanse no tramo
urbano comprendido entre as rúas Alexandre Bóveda
e a praza Martín Gómez Abal, pasando pola Avenida
da Mariña, Doutor Carús e varias rúas do
O Castro. Trátase do mercadiño máis importante
da comarca, o máis concorrido e tamén o máis
antigo: o dos martes ten as súas orixes no século
XVII e dende entón se vén celebrando ininterrompidamente.
No
mercado de Vilagarcía poden encontrarse productos a prezos
moi vantaxosos e para tódolos gustos. Os máis abundantes
son os textiles e calzado, pero tamén hai menaxe do fogar,
plantas e flores, artigos de mercería e decoración.
A praza de abastos abre de luns a sábado pola mañá;
os venres pola tarde tamén abren as súas portas
ó público algúns establecementos. As instalacións
son modernas e moi amplas: dispón dunha parte central dedicada
á venda de froitas e verduras cultivadas polas propias
vendedoras; froiterías e carnicerías a ambos lados;
postos de queixo, pan e ovos na parte superior; e unha magnífica
praza de pescados e mariscos frescos da ría nun dos seus
estremos.
Ademais da praza de Vilagarcía, que se atopa na rúa
Alexandre Bóveda, existen outras dúas no Carril
e Vilaxoán. A primeira está na Alameda e a segunda,
no peirao.