As
festas patronais de Vilagarcía celébranse durante
10 días en torno ó 16 de agosto, festividade de
San Roque. Neste día teñen lugar dúas festas
sucesivamente. A primeira, de carácter relixioso, comeza
coa misa solemne e a saída do santo en procesión
dende a Igrexa Parroquial ata a capela que leva o seu nome. Miles
de fieles acompañan ó santo de Montpellier neste
percorrido, que a imaxe realiza movéndose ó son
do pasodobre “Triunfo”. Pola tarde o traxecto faise
á inversa, a ritmo moito máis pausado.
A
parte lúdica da festa comeza a iso das 12 do mediodía,
nada máis resgardarse a imaxe do patrón na capela
de San Roque. Nese momento, iníciase a denominada Festa
da Auga. Miles de nenos, xoves e no tan xoves recorren as rúas
ó grito de “¡auga!”, rogando ós
veciños que os refresquen co líquido elemento. Estes
responden ó seu rogo utilizando para iso toda clase de
artificios: cubos, mangueiras, botellas... Por se isto non fose
suficiente para calma-la sede dos asistentes, os bombeiros colaboran
mollando a mangueirazos dende os seus vehículos ás
miles de persoas que os reciben cos brazos en alto. A festa, animada
por espontáneos augadores e charangas, non termina ata
primeiras horas da tarde.
A zona húmida, onde calquera molladura é ben recibida,
está perfectamente sinalizada e esténdese polas
rúas máis céntricas da cidade. Cada ano é
máis frecuente que os xoves asistentes comecen a festa
na noite do día 15, na que xa saen á rúa
ataviados para a ocasión, co pano e a camiseta identificativos
de cada panda ó pescozo. Habitualmente, participan na Festa
da Auga entre 20.000 e 30.000 persoas.
Na Semana Grande de Vilagarcía teñen lugar outras
actividades destacadas: concertos gratuítos de grupos e
solistas españois, exhibicións folclóricas,
desfile de carrozas e batalla de flores, etc.
Un dos actos que máis visitantes atrae ó municipio
é o Combate Naval, un festival pirotécnico con fama
en toda Galicia que adoita poñe-lo broche final ás
festas. Miles de visitantes achéganse ese día a
Vilagarcía á fin de contempla-la batalla entre un
barco e un castelo de luces que se desenvolve na dársena
do Peirao de Pasaxeiros. A exhibición complétase
cun espectacular lanzamento de fogos de artificio e unha demostración
de fogos acuáticos.