Xullo
é o mes festivo por excelencia na vila mariñeira
do Carril. O Carme (16 de xullo), O Apóstolo (25 de xullo)
e San Fidel (domingo seguinte ó Apóstolo) son as
tres citas principais, ás hai que engadi-la celebración
de San Roque (16 de agosto). A festividade da Virxe do Carme,
patrona dos mariñeiros, vívese no Carril con gran
intensidade. O acto litúrxico máis destacado é
a procesión marítima que ten lugar pola tarde. A
imaxe da Virxe, protectora dos homes do mar, é levada sobre
as augas a bordo dun barco e seguida por unha flotiña de
embarcacións mentres dende a beira, centos de persoas contemplan
o recorrido. Ademais, celébranse verbenas e actuacións
de grupos folclóricos.
O Apóstolo é outra das festividades que se vive
máis intensamente no Carril. Ese día celébrase
o tradicional baile das espadas, no que participan varios xoves
do pobo. Non faltan na festa as tradicionais figuras de xigantes
e cabezudos, a actuación da banda de música e os
pasarrúas a cargo de grupos folclóricos.
San Fidel pecha o calendario festivo de xullo. Para honrar ó
santo italiano, ademais dos actos relixiosos prográmanse
verbenas e exhibicións folclóricas.