
Organizada
pola agrupación micolóxica A Cantarela, é unha
excelente oportunidade de coñece-las setas, un producto aínda
pouco utilizado en Galicia malia a riqueza micolóxica dos
nosos montes. As actividades teñen lugar na segunda quincena
de novembro e desenvólvense en dous escenarios: a Praza da
Pescadería e a Casa da Cultura. No programa inclúese
unha exposición con setas dos montes da comarca, que se recollen
nunha saída ó campo organizada pola propia asociación.
Tamén se inclúe numeroso material gráfico que
axuda a distingui-los exemplares comestibles e velenosos; paralelamente,
celébranse unha serie de charlas e un concurso de fotografía
micolóxica. A Semana termina na Praza da Pescadería
cunha degustación de pratos, tanto salgados como doces, que
teñen como principais ingredientes as setas. Tamén
se premian as mellores preparacións que inclúen este
alimento na súa composición.