A mostra é un escaparate ó que acuden as bodegas
familiares e artesanais productoras de alvariño para dar
a coñecer o seu producto. O certame celébrase coincidindo
coas festas patronais de San Roque, a partir do 16 de agosto e
durante toda unha semana. O evento ten lugar na antiga Praza da
Pescadería, acondicionada para a ocasión, e habitualmente
participan unhas 50 bodegas artesanais acollidas á Denominación
de Orixe Rías Baixas.

Para acompaña-lo viño, no recinto ofrécense
degustacións de productos típicos da gastronomía
galega, tanto da terra como do mar. Un dos máis solicitados
son as filloas cociñadas ó estilo tradicional, sobre
unha pedra e a fogo lento. As visitas de confrarías de
viños e actuacións folclóricas dan a nota
de cor á mostra, que termina coa cata e concesión
de tres premios ós mellores caldos en dúas categorías:
bodegas de máis e de menos de 20.000 litros. A organización
corre a cargo da orde de catadores Veiga de Abaixo, baixo o patrocinio
municipal.