Nas
primeiras décadas do século XX, Vilagarcía
viviu un gran auxe do turismo, que a converteu na pequena “San
Sebastián galega”. Nos últimos anos, a cidade
conseguiu recuperar aquel esplendor por medio de iniciativas públicas
e privadas como a rexeneración da praia A Concha-Compostela,
a construcción do paseo marítimo, a peonalización
dalgunhas zonas do casco urbano, a construcción de novos
hoteis e a apertura de modernos establecementos hostaleiros. Todo
iso traduciuse nunha maior afluencia de visitantes e habilitación
de novas infraestructuras para satisfacer tódalas demandas.
A fonda tradición turística e a hospitalidade dos
vilagarciáns fan que a estancia na vila se converta nunha
pracenteira experiencia, que moitos repiten ano tras ano.
Na súa calidade de municipio de maior
poboación do Val do Salnés e da Ría de Arousa,
Vilagarcía aglutina unha importante e variada oferta de
aloxamento, que vai dende un hotel de catro estrelas nun histórico
pazo a un cámping, e dende hoteis urbanos ou a pe de praia,
a unha económica pensión.
Ademais das suxestións que se ofrecen
nesta guía, pódese obter información adicional
na Oficina de Turismo Municipal, emprazada no parque do Cavadelo,
ou na que depende da Xunta de Galicia, aberta todo o ano nos baixos
do edificio da Casa da Xuventude (Av. Xoán Carlos I, número
37).