4. PARA COÑECELA
 4 coñecer Vilagarcía
 4 miradoiros
 4 monumentos
 4 parques e xardíns
 4 o porto/paseo marítimo
 4 rutas de sendeirismo
 4 ruta dos pazos
 4 ruta do viño
 4 rutas marítimas
 4 exposicións
 4 festivais
 4 feiras e concursos

 

postal



 

 parques e xardíns

Vilagarcía dispón dun bo número de parques e xardíns que a converten nunha cidade humana, agradable e na que resulta fácil vivir. A oferta de espacios verdes, que se incrementou notablemente nos últimos anos, viuse reforzada no 2002 coa construcción dun novo xardín no antigo recinto feiral de Fexdega e preto do porto deportivo, dedicado á memoria do poeta Miguel Hernández. Ata unha ducia de composicións do autor de Orihuela adornan distintas partes do parque, que ten unha superficie de 18.000 metros cadrados e está distribuído en varias zonas (bosque, camelias, pradeira, etcétera).

Na actualidade, o parque de Enrique Valdés Bermejo, cunha extensión de 12.000 metros cadrados, é o de maior riqueza botánica do municipio. A súa orixe remóntase ós anos 30, cando os duques de Terranova e de Medina de las Torres decidiron converter parte da finca da súa residencia particular nun xardín con gran variedade de especies exóticas. Esta parcela pasou a ser patrimonio municipal hai algúns anos, sendo destinada a uso público. Dispón dalgúns exemplares rexistrados como únicos no Arquivo do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (Pontevedra). A Concellería de Medio Ambiente organiza visitas guiadas para grupos a fin de facilita-lo coñecemento deste recinto.

Outra das zonas axardinadas que merece a pena visitar é o parque de Compostela, situado ó pe do areal do mesmo nome. O recinto componse dunha zona verde con varias árbores de gran envergadura que en verán proporcionan unha sombra moi agradable, zonas de céspede e un espacio acoutado dedicado ós xogos infantís. Ó carón do xardín encóntrase unha zona de aseos públicos que dan servicio ós usuarios da praia Compostela.

Outro dos parques máis utilizados en Vilagarcía é o da Xunqueira, situado xunto ó convento de Vista Alegre. Trátase dun recinto moderno e urbano, cunha gran parte de superficie dura repartida entre paseos e pistas polideportivas, que tamén funciona como auditorio ó aire libre con gradas e escenario. Conta tamén cun paseo á beira do río sombreado por castaños de indias e unha zona de pradería, que os xoves adoitan utilizar como lugar de reunión.

De factura similar ó anterior, aínda que algo máis antigo, é o xardín do Centenario. Atópase xunto o mar. Un paseo central que desemboca nunha das dársenas do peirao de pasaxeiros divide o parque en dous: unha zona axardinada con pérgolas e parterres e ó outro lado, unha área con xogos infantís e unha superficie dura destinada á práctica da patinaxe. Paralela ó mar discorre unha zona de paseo con bancos e palmeiras.

Separado deste xardín pola estrada de enlace do porto está o parque do Cavadelo, situado sobre o estacionamento subterráneo do mesmo nome. Trátase dun recinto moderno, no que se poden practicar o hockey sobre patíns e a patinaxe, utilizando diversas estructuras de madeira e metal para realizar figuras. Alberga tamén a Oficina de Turismo Municipal.

Outros xardíns céntricos son os da Praza de Ravella, fronte ó Concello, e o da Praza de España, fronte á igrexa parroquial. Dispoñen de varias árbores de gran envergadura e folla caduca que lles proporcionan sombra en verán mentres que en inverno deixan pasa-la luz do sol. Son lugares tranquilos, ideais para o descanso e a tertulia dos maiores, que na Praza de España artículase arredor da fonte central, e no de Ravella, a ambos lados do paseo.