4. PARA COÑECELA
 4 coñecer Vilagarcía
 4 miradoiros
 4 monumentos
 4 parques e xardíns
 4 o porto/paseo marítimo
 4 rutas de sendeirismo
 4 ruta dos pazos
 4 ruta do viño
 4 rutas marítimas
 4 exposicións
 4 festivais
 4 feiras e concursos

 

postal



 

 miradoiros

Para obter unha ampla panorámica da ría e do municipio de Vilagarcía convén visita-lo miradoiro do monte Meda. Asentado no límite dos municipios de Vilagarcía, Catoira e Caldas, identíficase facilmente por atoparse nel as torres de reemisión das sinais de TV. Dende esta altura pode contemplarse o río Ulla no seu tramo final, alcanzando a vista ata as Torres de Oeste, restos de construccións defensivas contra as invasións normandas que se atopan no veciño municipio de Catoira e escenario da famosísima Romaría Viquinga. Tamén está ó alcance da vista gran parte da Ría de Arousa, coa illa de Sálvora á entrada, así coma os vales do Ullán e do Salnés.

Dende este punto, pode chegarse a pé ó próximo Miradoiro do Monte Xiabre, xa dentro do término municipal de Vilagarcía. A altura deste macizo permite contemplar unha gran extensión da Ría de Arousa, cos seus polígonos de bateas perfectamente aliñados e ó pe, Vilagarcía, coa súa cuadrícula urbana e os núcleos diseminados do rural. Ademais, o visitante pode solazarse nunha ampla zona de descanso en Fontefría, con mesas, asadores, etc. Tanto ó miradoiro de Meda coma ó do Xiabre accédese a través da rúa San Xosé, partindo da avenida Rosalía de Castro, que une Vilagarcía e O Carril, ou ben dende O Pousadoiro (estrada antiga a Caldas e acceso á A-9).

Unha das máis bonitas vistas de Vilagarcía e á ría é, precisamente, a que ofrece o miradoiro de Carril. Dende el pódese contemplar o estuario do río Ulla, coa illa de Cortegada, de exuberante vexetación, no primeiro término, e ó fondo, na beira norte da ría, a Serra do Barbanza. É un lugar perfecto para contempla-la posta do sol, cando o horizonte se tingue de tons vermellos, laranxas e amarelos. A este miradoiro accédese a través da rúa que parte da igrexa parroquial.

Para ver Vilagarcía dende o ángulo inverso é preciso achegarse ó miradoiro do monte Lobeira, situado fronte ós anteriores, a cima do cal pertence ó veciño municipio de Vilanova. Para acceder a el é preciso segui-la la estrada a Pontearnelas: a medio camiño hai un desvío debidamente sinalizado. Unha vez arriba, é necesario deixa-lo coche nun estacionamento que conta con vixilancia durante a Semana Santa e o verán, e despois, subir unha escaleira rústica, duns 200 chanzos, que conduce á cima do monte. O miradoiro está construído sobre os restos dun antigo castro e posterior castelo, escenario das disputas entre a raíña Dona Urraca e o arcebispo Xelmírez. A finais do século XIX levantouse neste lugar unha cruz que recorda ás víctimas do mar e especialmente á tripulación falecida no naufraxio do buque “Serpent”, da Armada da Súa Maxestade Británica, en 1896. Dende este punto contémplase a desembocadura do río Ulla, a ría de Arousa e boa parte do Val do Salnés, chegando a distinguirse ó fondo, nos días claros, o perfil rochoso das illas de Ons e Onza, xa na ría de Pontevedra.