Debido
á súa elevada densidade de poboación, a comarca
dispón dunha tupida rede de camiños e estradas secundarias.
Aínda que isto ten a vantaxe de que facilita as comunicacións
e as relacións entre os distintos concellos da comarca,
desconxestionando o tráfico nas vías principais,
tamén presenta o inconveniente de que pode confundir ós
visitantes. Por iso, o viaxeiro ha de ter presente cal son as
principais vías de comunicación do Salnés.
A máis importante é a C-550, dende
a cal, partindo de Vilagarcía, chégase ós
municipios de Vilanova, Illa de Arousa, Cambados, Meaño,
O Grove e Sanxenxo.
Outra vía básica no entramado de
estradas da comarca é a C-531, que enlaza Vilagarcía
con Pontevedra, pasando por Baión (Vilanova) e Meis; a
través desta estrada, á altura do Concello de Barro,
pódese acceder á Vía Rápida do Salnés.
Esta é outra das infraestructuras básicas
do Salnés: dende o municipio de Barro, e pasando por Meis,
Ribadumia, Cambados e Meaño, chega ata Sanxenxo e O Grove,
con saídas en cada un dos municipios citados.
Outras vías menos importantes, pero que
resulta útil coñecer, son a estrada provincial de
Cambados a Nogueira (Meis) que conclúe en Barro -onde como
xa se dixo, existen enlaces coa C-531, a A-9 e a Vía Rápida-;
e a de Noalla a Caldas, que polo interior da comarca atravesa
Meaño, Ribadumia e Meis para conectar coa C-531.
Outra boa opción para moverse polo interior
do Salnés evitando as estradas principais é a PO-301,
que pasando pola faldra do monte Lobeira, leva dende Vilagarcía
a Pontearnelas, e desemboca na PO-300.
En canto ás comunicacións dentro
da propia Vilagarcía, a C-550 é a vía máis
importante, xa que cruza o municipio dende Carril a Vilaxoán
atravesando parte do casco urbano. Pero hai outras vías
secundarias: a estrada de beiramar entre Vilagarcía e Vilaxoán,
para acceder a este núcleo evitando o tráfico da
avenida de Cambados; a PO-301, que atravesa a parroquia de Cornazo
e conduce ó Miradoiro do monte Lobeira; e a vella estrada
a Caldas que, a través do Pousadoiro, permite acceder ó
monte Xiabre e á área recreativa de Fontefría
e que conduce ó enlace en Caldas coa autopista A-9.