O viaxeiro que se traslada a Vilagarcía
en ferrocarril faino por medio da liña máis utilizada
de Galicia: a que enlaza A Coruña e Vigo, no denominado
Eixo Atlántico. Na estación de Vilagarcía
detéñense tódolos trens que cobren este traxecto,
tanto os TRD coma os rexionais, que enlazan o municipio con Santiago,
A Coruña, Vigo e Pontevedra. Tanto en Santiago coma en
Redondela (no mesmo corredor ferroviario) enlázase coas
grandes liñas nacionais.
Os
visitantes que chegan no seu propio vehículo teñen
varias opcións. Para os que acceden dende o centro de Galicia,
existen dúas posibilidades: a N-640, que une Silleda con
Vilagarcía, a través do municipio de Caldas, e a
C-531, que enlaza Pontevedra con Vilagarcía. A estrada
C-550, que percorre a costa occidental galega, de Fisterra a Tui,
é a utilizada polos que chegan tanto dende o norte (Santiago)
coma dende o sur (Cambados-O Grove).
Dende estas tres vías pódese enlazar
con outras de alta capacidade a escasos quilómetros de
Vilagarcía. No veciño municipio de Cambados accédese
á vía rápida do Salnés, que conta
con desvíos a Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove
e, na dirección contraria, a Barro, dende onde se pode
conectar coa autopista A-9. Aínda que si o que se quere
é acceder directamente a esta autopista, a mellor opción
é utiliza-lo enlace no término municipal de Caldas,
a só 12 quilómetros do casco urbano de Vilagarcía
(estrada a Pontevedra), ou ben directamente a través do
Pousadoiro pola estrada “vella” a Caldas de Reis (6
qms.).