CONCELLO
Os catorce proxectos a financiar a través do II Plan E en Vilagarcía ocuparán a un mínimo de 108 traballadores Reactivar a economía e favorecer o emprego son os dous obxectivos principais do Plan Estatal de Investimento Local. Seguindo estes criterios, o Concello calcula que os catorce proxectos de obras a financiar en 2010 polo II Plan E en Vilagarcía ocuparán a un mínimo de 108 traballadores.
Esta cifra, que é estimativa, inclúe tanto a persoal de plantel como o relativo á nova contratacións de persoas que se atopen no paro. O número total e definitivo de traballadores a ocupar nas catorce obras do Plan E 2010, así como a súa distribución entre persoal propio e de nova contratación, coñecerase no proceso de adxudicación e unha vez analizadas as propostas que presenten as empresas que concorran ás convocatorias, tendo en conta que este é un dos criterios que puntúan no proceso.
Segundo esta valoración estimativa, os proxectos que conlevan a maior ocupación de traballadores son, polo xeral, os que requiren un maior investimento. Así, a Mellora das instalacións do Mercado de Abastos (cun orzamento de 1.074.855,46 euros), a Rehabilitación do edificio do Balneario para Centro de Formación e Emprego (681.000 euros) e a obra do Centro Socio Cultural de Trabanca Sardiñeira (350.000 euros) son as actuacións que, a priori, requirirán máis persoal, con 15 traballadores por proxecto.
A segunda fase do Centro Cultural de Bamio (100.000 euros de investimento) precisará, alomenos, de 10 traballadores, mentres que as obras de Mellora das redes de saneamento en Fontecarmoa e outros (184.703,35 euros) e as de Recuperación e integración urbana do Xardín Histórico de Ravella (354.049 euros) contarán cun mínimo de 8 traballadores cada unha.
A previsión de necesidade de persoal para proxectos como a Mellora de redes de saneamento en Faxilde e outros (172.866,26 euros) é de 7 traballadores, mentres que para as obras de Mellora das redes de saneamento en Trabanca Sardiñeira e outros a cifra sitúase nun mínimo de 6 persoas, a mesma que a fixada para o proxecto de Recuperación do pavillón de servizo do Parque da Compostela (305.445,16 euros).
Os proxectos que, en principio, empregarán a un menor número de traballadores serán os de Acondicionamento de rutas de sendeirismo no Monte Xiabre (42.000 euros), o de Mellora no patio do colexio de Faxilde (30.000 euros), e as obras de Drenaxe de auga e mellora do entorno do Centro Social de Rubiáns (Praza do Souto) (200.000 euros) e de Mellora de drenaxes, canalizacións de pluviais, saneamento, abastecemento e accesibilidade do segundo tramo da Rúa Romero Ortiz (100.000 euros) que requirirán cada un deles 4 traballadores. Por último, o proxecto de Dotación de acceso wifi ós edificios municipais prevese que ocupará a dous traballadores.
Os Servizos Sociais tamñen se benefician dos fondos anticrise
Como se sabe, as actuacións a financiar este ano en Vilagarcía cos 4 millóns de euros dos fondos anticrise do Plan E 2010 son un total de 15, aínda que só catorce suporán ocupación de traballadores. Como se sabe, o goberno local decidiu destinar unha parte destes fondos (200.000 euros) ó financiamento de gastos correntes dos Servizos Sociais municipais, medida adoptada en función do elevado incremento das axudas e dos programas que se ofrecen desde este departamento como consecuencia da grave situación económica que están a vivir moitas persoas do municipio como consecuencia da crise económica. Esta partida suporá un importante beneficio social para a xente máis necesitada, aínda que non compute no apartado de promoción do emprego.