FESTAS
Un clásico autobús británico de dous pisos percorrerá o Salnés para promocionar o Sábado Inglés A segunda edición do Sábado Inglés de Vilagarcía promete converterse nun multitudinario evento e en todo un referente do Entroido na bisbarra. Polo menos iso é o que pretenden a Concellería de Innovación e Promoción Económica que este ano disporá un típico autobús británico de dous pisos para promocionar o Sábado Inglés durante unha semana por Pontevedra e todos os municipios do Salnés co obxectivo de captar participantes e tamén visitantes par ao evento co que se pechará nos actos do Entroido en Vilagarcía a noite do sábado de Piñata, 20 de febreiro.
Para potenciar ó máximo as grandes posibilidades que ten o Sábado Inglés despois dos bos resultados do ano pasado, a organización tamén decidiu incrementar os premios, que pasan de dous a tres. Para a modalidade de parellas seguirá concedéndose unha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas a Londres; e para o mellor disfrace por grupos entregaranse 500 euros en vales compra en establecementos de Zona Aberta. O novo premio é o da categoría individual que consistirá en 200 euros en vales compra.
Outra das novidades é que a organización decidiu mudar a data do Sábado Inglés do Sábado de Entroido, como o ano pasado, ó Sábado de piñata. Este cambio pretende captar máis visitantes e participantes no concurso, posto que nesta data a penas hai oferta de actividades nos demais concellos da redonda, mentres que a maioría concéntrase durante a primeira parte do Entroido.
Como se sabe, Vilagarcía aproveita os seus lazos e relacións históricas con Gran Bretaña para organizar a party rachada que é o Sábado Inglés. Por iso, o requisito indispensable para poder participar nel é ir disfrazado de calquera motivo tipicamente inglés. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o día 19 de febreiro e a inscrición pode realizarse no departamento de Turismo do Concello en horario de mañá, na oficina de Información Turística da Praza da Peixería ou no CIRA, en horario de mañá e tarde. Tamén alí, os interesados poderán recoller as bases do concurso, que tamén se distribuirán nos percorridos que faga o bus, e que se poden consultar a través do taboleiro da web municipal http://www.vilagarcia.es
O vistoso bus de dous pisos, que irá rotulado con motivos do Sábado Inglés e co programa do Entroido de Vilagarcía, será ademais un punto obrigado polo que os concursantes terán que pasar a noite do 20 sábado de Piñata xa que, un dos requisitos do concurso é que todos os participantes deberán sacarse unha foto que logo utilizará o xurado para emitir o seu fallo. O bus permanecerá estacionado na explanada principal do Auditorio entre as doce da noite e as tres da madrugada. Na avaliación terase en conta ademais a opinión dos responsables dos locais nocturnos que votarán ós mellores disfraces que pasaron polos seus establecementos tanto, pola orixinalidade e calidade das vestimentas como, sobre todo, pola animación e espectáculo que estes ofrezan.
A concelleira, Rosa Abuín, e das asociacións que colaboran na organización do Sábado Inglés, Roberto Gerpe, da Ahituvi e Rocío Louzán por Zona Aberta, explicaron que con esta forte aposta pola promoción preténdese afianzar o Sábado Inglés como un referente orixinal, diferente e característico de Vilagarcía dentro dos numerosos actos que durante estas datas se celebran en todo O Salnés. De forma paralela, perséguese reactivar o comercio e a hostalería local coas persoas que mercarán disfraces, e todas aquelas que se acheguen á cidade a noite do 20 de febreiro para participar nesta gran festa nocturna.