PATRIMONIO
A actuación arqueolóxica nos Ballotes permite documentar quince rochas con petroglifos xeométricos e de figuras de diversos animais Os traballos arqueolóxicos levados a cabo nos meses de maio e xuño polo equipo contratado pola Concellería de Xestión do Territorio para a documentación dos petroglifos dos Ballotes, en Bamio deron como resultado o rexistro de sete xacementos compostos por quince rochas nas que aparece unha gran variedade de gravados xeométricos e de animais. O riqueza e diversidade dos petroglifos levan a que o equipo que levou a cabo a campaña cualifique ó conxunto dos Ballotes-Meadelo como un “auténtico referente da arte rupestre prehistórica galega”.
O proxecto de “Documentación e rexistro do conxunto de Petroglifos de Os Ballotes” foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar dirixido e coordinado pola restauradora e conservadora Iria López Baltar. Para a realización do traballo, contouse ademais co asesoramento e asistencia científico técnica do Laboratorio de Patrimonio (LaPa) do IEGPS-CSIC.
Dos sete xacementos documentados, só un deles permanecía inédito ata o de agora. Trátase dun grande bolo cuxos motivos mantéñense ocultos en boa medida pola terra e vexetación que protexe a rocha. Outros, aínda que coñecidos, nunca foran documentados.
Entre os gavados figurativos, e que representan siluetas de diversos animais, cómpre salientar o conxunto dos Ballotes. Nel pódense admirar unha gran cantidade e variedade de zoomorfos, entre os que destacan os cérvidos. Segundo se recolle na memoria dos traballos, aparecen figuras de animais de diferentes tamaños e formas, sobre todo cérvidos de grandes cornamentas, ben estáticos ou en movemento. Tamén hai escenas de animais en actitude de berra e composicións nas que os cuadrúpedes se ordenan de xeito lineal, outras de cervos arrastrando posibles discos solares e mesmo existe unha que podería representar unha escena de equitación.
No apartado dos petroglifos xeométricos, chama a atención os da Pedra do Encanto, en Meadelo, que destaca pola complexidade e profusión da composición.
Segundo o equipo que levou a cabo a campaña, o xacemento dos Ballotes-Meadelo garda certas similitudes estilísticas, estéticas e compositivas con outros docu7mentados recentemente polo LaPa na zona alta de Xiabre e mesmo ós que existen en Rianxo.
Desenvolvemento dos traballos O traballo de campo levado a cabo polo equipo multidisciplinar dirixido por Iria López, executouse durante os meses de maio e xuño e a responsable da actuación arqueolóxica foi a arqueóloga do Lapa, Elena Cabrejas. Os traballos recollidos no proxecto aprobado pola Dirección xeral de Patrimonio Cultural iniciáronse afectaron a unha área de 15.770 metros cadrados do contorno dos Ballotes e Meadelo.
A labor iniciouse cunha coidadosa e minuciosa limpeza das rochas. Deste xeito puido procederse á lectura, rexistro e interpretación dos gravados, sendo preciso realizar calcos nos tres xacementos que presentaban unha maior complexidade ou se atopaban en peor estado de conservación.
A continuación realizouse unha diagnose das patoloxías pétreas dos soportes dos petroglifos, coa finalidade de, no futuro, poder controlar e neutralizar ós axentes activos que poidan alterar e mesmo facer desaparecer os gravados.
Tras a documentación dos petroglifos dos Ballotes-Meadelo, a seguinte fase será a elaboración dunha proposta de actuacións a realizar para conservar e poñer en valor este importante xacemento.