CULTURA
O noiés Manuel Lôpez Rodríguez gaña o Premio de Poesía Suso Vaamonde 2008 “Antítese Nativa” é o título do poemario firmado por Manuel Lôpez Rodríguez e que vén de ser galardoado co Premio de Poesía Suso Vaamonde 2008 convocado pola Fundación Amigos de Galicia en colaboración co Concello de Vilagarcía e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O fallo do xurado deuse a coñecer hoxe na rolda de prensa que tivo lugar no Concello vilagarciá e na que participaron o presidente e o membro da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto e Luis Rial, respectivamente, así como o concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón. O poemario gañador da XIV edición do Premio de Poesía Suso Vaamonde é unha obra intimista, con grandes doses de morriña da vida no campo e na aldea, en contraposición coa da cidade. O xurado salientou a variedade léxica e o importante traballo lingüístico que ten este poemario de amor á terra e á muller escrito por Manuel Lôpez Rodríguez usando como medio o verso libre.
O autor, natural do municipio coruñés de Noia, recollerá o premio, dotado con 1.000 euros, no no acto público que terá lugar o sábado 17 de maio en Vilagarcía, no trasncurso da Festa das Letras Galegas. Ademais, a Fundación Amigos de Galicia publicará “Antítese Nativa” cunha tirada de 1.600 exemplares, dos que 100 serán entregados ao autor.
Premios de Relato, Pintura e Debuxo para estudantes Na rolda de prensa de hoxe tamén se fixeron públicos os fallos dos xurados dos premios de pintura e narrativa para estudantes convocados por Amigos de Galicia en colaboración co Concello de Vilagarcía. No certame de relatos Curtos e Contos Daniel Hortas, o primeiro premio foi para “A maxia do mar”, un traballo realizado polas alumnas de 4º da ESO do IES Nº1 da Estrada sobre mitos mariñeiros e os recentes desastres ecolóxicos no medio mariño. O conto sobre a homosexualidade e o rexeitamento social, “O amor imposible”, escrito por Luis Expósito García, de Vigo, obtivo o segundo premio; mentres que en tercer lugar quedou a obra “A destrución da barreira máxica” de Nara Carballal Nogueira, unha moza de 13 anos de Monforte, que se inspirou na mitoloxía celta, na maxia e entre a barreira entre realidade e imaxinación.
Por último, na categoría de menores de 13 anos, o xurado premiou o relato sobre a vida cotiá titulado “O que é a vida” e que foi escrito por Anxela Sar Candame, do IES Sabón de Arteixo.
No que respecta aos Premios de Debuxo, os galardoados na categoría de ata 12 anos foron Javier Mariño Villadamigo, do CEIP Sestelo (Vilanova de Arousa), que levou os 75 euros do primeiro premio; e Ola Sabela Prada Rodríguez, do CEIP Condesa de Fenosa (Ourense), que obtivo o segundo premio, dotado con 50 euros. No apartado de 12 a 18 anos a vencedora foi Cristina Mera Díz, do CEIP San Francisco (Vilagarcía de Arousa), a quen se lle fará entrega dos 100 euros cos que está dotado o premio,
Na modalidade de Pintura para participantes de ata 18 anos, os gañadores foron en primeiro lugar, Aitana Vidal Rodríguez, do CEIP de Carril (Vilagarcía); en segundo, Nuria González Vidal, do CEIP Guillermo Pedrosa (Vilanova de Arousa) e en terceiro lugar Xulia López García, do CEIP Anexo A Lomba (Vilagarcía). A dotación económica dos premios é de 200, 100 e 75 euros respectivamente.
Coa convocatoria destes tes certames, a Fundación Amigos de Galicia pretende promover o idioma e a cultura galega, motivar a aparición de novos creadores e facilitar aos escritores e artistas noveis a publicación e exposición das súas obras.
Como no caso do Premio de Poesía Suso Vaamonde, os restantes premios serán entregados tamén no transcurso da Festa das Letras Galegas que se desenvolverá no Parque Enrique Valdés Bermejo de Vilagarcía o 17 de maio, a partir das 12:30 horas.