Pola súa singular
posición xeográfica e pola
súa orixe portuaria, Vilagarcía
ten unha fonda tradición
comercial. Dende hai moito tempo,
é o centro de maior actividade económica
dunha das comarcas máis dinámicas
de Galicia, O Salnés. De feito, o
seu mercado data do século XVII e
aínda hoxe é un dos máis
concorridos de Galicia, a súa Cámara
de Comercio ten máis de cen anos,
e a feira multisectorial é a decana
das que se celebran na Comunidade.
Pero o comercio vilagarcián
é moito máis que un mercado,
unha praza de abastos ou unhas feiras multisectoriais
ou monográficas. Nos últimos
anos, e froito da conxunción das
iniciativas municipais e empresariais, o
comercio local sufriu unha profunda
renovación, de xeito que
hoxe conviven perfectamente afamadas franquías
nacionais e internacionais con tendas tradicionais,
máis especializadas. E a política
de humanización de prazas
e rúas , moitas delas peonalizadas,
fan que a necesidade de saír a comprar
se converta nun momento de lecer.
Exemplo deses novos tempos que están
a vivir a cidade e o comercio, son a creación
da Asociación de Comerciantes
“Zona Aberta” ou a Organización
de Autónomos e Profesionais
(e nesta integrada a Asociación de
Comerciantes da Praza de Abastos e a Asociación
de Iniciativas Turísticas), que nos
últimos anos se converteron, en colaboración
co Concello, en verdadeiros animadores dun
centro comercial urbano.
Un centro no que é posible encontrar
de case todo sen necesidade de desprazarse
a outras cidades. Vilagarcía, xa
que logo, é tamén unha cidade
para comprar.