Se a súa posición
de centralidade con respecto
ó eixo atlántico A
Coruña-Vigo, a súa
condición de oitava cidade de Galicia
e centro neurálxico dunha das comarcas
máis dinámicas de Galicia,
fan de Vilagarcía de Arousa un lugar
ideal para vivir e comprar, esas mesmas
condicións explican a súa
idoneidade para o investimento empresarial.
En efecto, Vilagarcía
é un dos cinco portos de
interese xeral do Estado en Galicia,
ten acceso directo á autoestrada
A-9, que vertebra a fachada atlántica
galega e a súa vez conecta coas autovías
á Meseta e as grandes vías
de comunicación con España
e Europa, e conta con estación
do ferrocarril na liña A
Coruña-Vigo, a máis rendible
de Renfe en España.
Non é estraño, pois, que Vilagarcía
sexa sede de importantísimas empresas,
moitas veces descoñecidas para os
propios vilagarciáns, é o
caso de Lantero, Conservas Pita, Conservas
Peña, Cefrico, Larsa, Fundiciones
Rey, Kwarner Eureka, Cepillos Mariño,
etcétera. O tecido industrial, sen
embargo, está dominado polas pequenas
e medianas empresas. Deste xeito, en Vilagarcía
sitúase máis da metade
do solo industrial do Salnés
e o seu índice industrial triplica
ou cuadriplica o dos demáis concellos
da comarca.
Para afianzar esta posición, dende
o Concello se ofrecen vantaxes fiscais
para favorece-la instalación empresarial,
e se informa e asesora sobre axudas autonómicas,
estatais e comunitarias a través
da Axencia de Desenvolvemento Local.
Na actualidade, Vilagarcía conta
con dous polígonos industriais e
ten en marcha dous máis,
un no Pousadoiro, cunha superficie de arredor
de 200.000 metros cadrados, e outro de Rubiáns
–este en colaboración coa Cámara
de Comercio, o Concello de Vilanova e Xestur-
de ata 3.000.000 metros cadrados.